miércoles, 20 de febrero de 2008

Caixas niño


Dende Numenius comezamos este ano un novo proxecto, a colocación de caixas niño para especies de mediano tamaño (moucho, bubela, lagarteiro, etc…) nalgunhas zonas da comarca chairega. Nesta primeira tempada instaláronse 24 caixas na zona dos prados da Espiñeira aledaña á Lagoa de Cospeito. Esta zona a pesar de constituir un hábitat aparentemente óptimo carece de árbores vellas nas que poidan niñificar estas especies. Recordemos que esta zona a finais dos anos 50 do século pasado sufríu unha forte transformación debido ao proceso de colonización agraria promovido pola administración central, que transformou amplas zonas de uceira en pradeiras eliminando case por completo o arboredo existente. Na actualidade unicamente hai árbores formando parte das sebes e lindes das parcelas, e sempre árbores novas que non proporcionan lugares axeitados para a niñificación.



Seguindo a experiencia de outros proxectos similares desenvolvidos noutras zonas da xeografía peninsular procedeuse á construcción de caixas niño seguindo os modelos recomendados na bibliografía especializada para as especies obxectivo (moucho, bubela, lagarteiro, etc…).



Nos vindeiros anos preténdese aumentar o número de caixas colocadas neste e outros lugares da Terra Chá e facer un seguimento durante a tempada reproductora para avaliar o éxito desta medida.



Na construcción, preparación e colocación das caixas hai que agradecer o traballo dos compañeiros Carlos González, Eva Villares, David Calleja, José Otero, Ricardo Méndez, Xosé Ramón Sánchez, Miguel Paredes, Hugo Fernández, Daniel Pérez, Gustavo Martínez, Oscar Rivas e Gabriel Lijó.



sábado, 16 de febrero de 2008

Pouca actividade

As cousas están tranquilas na Terra Chá (salvo os sobresaltos producidos polas batidas ao xabarín, que lle pregunten a Toño Salazar) ao menos aparentemente. Os integrantes de Numenius estamos a dedicar unha boa parte do noso tempo fundamentalmente a tres actividades das que de dúas en breve daremos noticia máis polo miúdo.

Dunha banda, e hoxe mesmo remata o prazo, imos cubrindo algunhas cuadrículas para o Atlas de invernantes, doutra estamos a ultimar unha iniciativa de colocación dunha serie de caixas niño, e ademais estamos metidos de cheo nun proxecto de custodia do territorio xunto con Drosera no que temos posto unha boa dose de ilusión.

En canto a observacións, destacar:

O Luns 11.02.2008 nunha fugaz visita por algunhas zonas da chaira G. Matinez e Oscar Rivas pudieron observar coma máis destacado o seguinte:

-Granxa Gaioso Castro: Min. 17 Avefrías (Vanellus vanellus) e con estas un pequeño bando de tordo real (Turdus pilaris). Tamén cantaba a carriza dos xuncos (cisticola juncidis), que este ano viuse durante a tempada invernal en certas zonas da comarca.

-Veiga de Pumar: 1 picanzo meridional (Lanius meridionalis) e un lagarteiro (Falco tinninculus).

-Arneiro-Goá: 1 picanzo meridional (Lanius meridionalis) e varios exemplares de pimpín do norte (Fringilla montifrigilla) nun rastrollo de millo onde a especie lévase observado durante todo o periodo invernal.

En Riocaldo baixou notablemente o número de anátidas, mantéñense unha vintena de cercetas Anas crecca, o dia 10.02 se deixou ver unha parella de asubións Anas penelope, os corvos mariños Phalacrocorax carbo son pouco máis dun cento, unha única escribenta das canaveiras Emberiza schoeniclus observada varios días, as dúas garzotas grandes Egretta alba que pasan o inverno nas lagoas igual que o mergullón bicogroso Podilymbus podiceps.


Egretta alba, sorprendeume pousándose a poucos
metros...



...e logo dunha boa sesión de pousados decideu que
xa estaba ben e foise por onde chegou.


Os mergullóns cristados Podiceps cristatus que o día 12.02.08 eran 12 dos que 10 están emparellados, amosando unha clara actividade reproductiva e chegando algunha parella a, cando menos, amagar con construi-lo niño (a primavera xa está aí).



Escena da parada nupcial de Podiceps cristatus
o pasado día 11.02.2008.



O mergullón bicogroso é algo máis confiado que
ao principio.


Seguen tamén 16/17 galiñolas negras Fulica atra, escóitase o rascón Rallus aquaticus e algunha que outra becacina G. gallinago...